Actividades 2016.
 

Data da última actualización: 11/02/2017


Actividades 2016


O Belen particular de Sobrada".

  Día: 17 de Decembro (sábado).
 

Belen de Sobrada. Foto: La Voz de GaliciaComo cada ano rematamos o noso programa coa visita dun Belén tradicional, neste caso situado nunha casa particular da aldea de Sobrada, no concello de Tomiño. Dada a súa cercanía visitaremos a cidade de Tui, posuidora dun valioso patrimonio artístico, no que destacan a súa Catedral, na que vermos a portada, o coro, o claustro, etc.; a igrexa románica de San Bartolomé de Rebordáns; a igrexa barroca de San Telmo, de estilo portugués; os vestixios da pegada da comunidade xudea; a paisaxe do Monte Aloia... e outros lugares veciños que serán tamén obxecto da nosa atención. Hora de saída: 9,00 horas, dende as paradas habituais.


De Muros a Ordes".

  Día: 12 de Novembro (sábado).
 

Iremos en primeiro termo ata Muros, onde visitaremos o Santuario da Virxe do Camiño, para admirar unha das obras máis sobranceiras e descoñecidas da arte galega, un Cristo gótico procedente de Italia. Tamén veremos o casco antigo desta vila mariñeira e o muiño de mareas. De camiño, na aldea de Suevos, no concello de Mazaricos, iremos ver o cruceiro de Cirolán, un dos cinco que en Galicia desenvolven o tema do Desencravo. Logo de xantar, iremos ata Ordes, para visitar ás 17,30 horas o "Museo de Traxe Juanjo Linares", con máis de 1.000 pezas doadas por este bailarín e investigador nado en Ordes.Hora de saída: 9,00 horas, dende as paradas habituais.


A Beira Litoral".

  Días: 7-9 de Outubro.
 

Para esta última xeira longa do curso, intentaremos facer a viaxe á Portugal que aprazamos no mes de xuño, por un motivo fundamental. Nesta longa fin de semana estaba previsto ir a Asturias, pero o lugar de maior interese que propoñiamos,, o palacio Selgas-Goyanes, en Cudillero, pecha o día 30 de setembro, polo que perdíamos a "xoia da coroa". Será mellor probar unha fin de semana de xullo do vindeiro ano.
Así que a nosa proposta é:
"A BEIRA LITORAL”. Percorrido pola esta histórica rexión portuguesa á que dedicaremos xornada e media. Sairemos o venres día 7 as 8 da mañán dende o Obelisco (única parada). Visitaremos pola mañá o Barco-Museo Gil Eannes, que era un buque hospital. Iremos tamén ata Válega, para ver a súa igrexa. O azulexo acada un gran protagonismo pero a diferencia de meirande parte dos templos portugueses, aquí son de moitas cores e non se atopan só no interior.
O sábado iremos ata Leiria, unha poboación con varios lugares de interese, como o Castelo, o Moinho de Papel e o Museo da Imagen en Movimento. En Montemor-o-Velho veremos a súa fortaleza e na vila de Figueira da Foz a súa arquitectura mariñeira.
A mañá do domingo 9 faremos unha pormenorizada visita ao Museu Nacional Machado de Castro, en Coimbra, que agora amosa a súa extraordinaria colección permanente, con obras tan sobresaintes como a Santa Cea de Hodart, unha das obras culminantes do Renacemento europeo; o Santo Enterro, de Joao de Ruao ou o cabaleiro procedente de Oliveira do Hospital, sen esquecer tampouco a visita do seu criptopórtico romano.
É imprescindible anotarse para formar cuanto antes un grupo mínimo de 20 persoas,porque se non fose así non tería lugar a nosa xeira.


A cidade de Lugo".

  Día: 4 de Setembro (domingo).
 

De novo da man de Pancho Gallego iremos ata a capital lucense para ver o xacemento da Casa do Mitreo, xa musealizado, entre outras cousas.

Programa en PDF

 

 


Sardiñada tradicional".

  Día: 9 de Xullo (sábado).
 

Como cada verán faremos da gastronomía unha celebración, e sabemos por experiencia, que o mellor lugar para disfrutar dunhas sardiñas é o restaurante "A Lagoa", en Vimianzo. Ben pola mañá ou ben pola tarde iremos ata Santiago, para ver un par de exposicións, entre elas a dedicada ao mundo do vestido, "Con-fío en Galicia", na Cidade da Cultura, que ademais de roupa amosa un interesante conxunto de obras de arte (escultura, pintura, fotografía) relacionadas con este mundo. E aproveitaremos tamén para ver como se atopan na actualidade algún dos dólmenes que se reparten polas terras de Soneira e Bergantiños. Sairemos ás 9,00 horas dende as paradas habituais.


A Beira Litoral" (Aprazado para Outubro).

  Días: 24-26 de Xuño (venres a domingo).
 

Percorrido pola esta histórica rexión portuguesa á que dedicaremos xornada e media. Sairemos o día 24, ás 8,00 da mañá, dende o Obelisco (única parada) e imaxino que algúns máis cansos que outros dependendo da súa implicación na noite de San Xoán. Visitaremos pola mañá o Barco-Museo Gil Eannes, que era un buque hospital. Iremos tamén ata Válega, para ver a súa igrexa. O azulexo acada un gran protagonismo pero a diferencia de meirande parte dos templos portugueses, aquí son de moitas cores e non se atopan só no interior.
    O sábado iremos ata Leiria, unha poboación con varios lugares de interese, como o Castelo, o Moinho de Papel e o Museo da Imagen en Movimento. En Montemor-o-Velho veremos a súa fortaleza e na vila de Figueira da Foz a súa arquitectura mariñeira.
    A mañá do domingo 26 faremos unha pormenorizada visita ao Museu Nacional Machado de Castro, en Coimbra, que agora amosa a súa extraordinaria colección permanente, con obras tan sobresaintes como a Santa Cea de Hodart, unha das obras culminantes do Renacemento europeo; o Santo Enterro, de Joao de Ruao ou o cabaleiro procedente de Oliveira do Hospital, sen esquecer tampouco a visita do seu criptopórtico romano.
É imprescindible anotarse para formar un grupo mínimo de 20 persoas, tendo en conta que no chegaremos a tempo para poder votar nas eleccións xerais, polo que se alguén quere votar e viaxar terá que solicitar o voto por correo.

Barbanza sur: Vilas e arqueoloxía no norte da ría de Arousa".

  Día: 5 de Xuño (domingo).

Xeira guiada por Pancho Galego, na que ademais da visita ao Castro da Cibda e a andaina ao rio das Pedras e a Ponte das Misarelas visitaráse o patrimonio da Pobra do Caramiñal entre outras cousas.

 Programa en PDF
 


Las Edades del Hombre", en Toro.

  Días: 13 - 15 de Mayo.

Sairemos o venres 13 ás 16,00 dende o Obelisco (única parada), para durmir en Toro (Zamora), no hotel María de Molina. A mañá do sábado faremos unha visita guiada pola cidade de Toro e a primeira hora da tarde temos concertada unha visita á exposición "LAS EDADES DEL HOMBRE", na Colexiata e na igrexa do Sancti Spiritus. Quedará tempo además para achergarse ata as lagoas de Villafáfila.
O domingo pola mañá veremos a igrexa de Arcenillas, que garda varias táboas do antigo retablo da catedral de Zamora, iremos logo a San Pedro de la Nave, unha das mellores obras prerrománicas da península, e terminaremos coa visita da igrexa de Tábara, na que houbo un importantísimo scriptorium medieval.
Despois de xantar visitaremos Puebla de Sanabria.

 

Vigo, unha xeira urbana".

  Día: 23 de Abril. (sábado)

Sairemos as 9,00 para visitar na cidade olívica o Museo do Mar de Galicia, que agora conta cunha colección permanente, na que destacan a sección arqueolóxica e un espazo dedicado á historia dos naufraxios na costa galega; veremos tamén o Museo "Quiñones de León", no Pazo de Castrelos, onde destacan as aras dedicadas ao deus Berobreo, atopadas no castro do Facho de Donón; o retablo renacentista da capela ou os murais de Urbano Lugrís. Visitaremos tamén a igrexa románica de Santa María de Castrelos, e se hai tempo o Museo Etnográfico Liste. Non podemos pasar por alto o feito de que no Museo de Pontevedra acaban de inaugurar unha exposición sobre "Castelao artista", que reúne por primeira vez todas as súas obras de gran formato.

Segredos do Ribeiro".

  Día: 19 de Marzo. (sábado)

Serantes (C.Rico)Dedicaremos esta xornada para visitar algunhas igrexas do Ribeiro de gran interese artístico pero non moi coñecidas, como San Miguel de Osmo, na que veremos as pinturas murais descubertas nun arcosolio, un frontal pétreo ou unha predela dun retablo con pintura manierista; Santa Mariña de Esposende, que posúe algún dos mellores canzorros do románico galego, destacando especialmente varios con músicos, e no seu interior hai unha capela gótica cun bo traballo escultorico; Santa María de Beade, convertida nun auténtico panteón funerario, con varios sepulcros, e marabillosas esculturas de Francisco de Moure no seu retablo maior, como a Santa Ana ou o San Bartolomé; Santo Tomé de Serantes, que garda no seu interior un extraordinario baldaquino; ou Santa María de Gomariz, con fermosos capiteis.
 


Asamblea Xeral Ordinaria e Cea do Socio".  

Día: 27 de Febreiro:

A Asemblea Xeral Ordinaria terá lugar o vindeiro día 27 de Febreiro, sábado, no Hotel NH Atlántico, en A Coruña, as 20,30 horas do serán en primeira convocatoria, e as 21,00 horas en segunda convocatoria. Seguidamente a tradicional cea do socio.

 Programa en PDF


Os Galos da Mezquita".

  Día: 7 de Febreiro. (domingo)

Comezamos o programa anual de viaxes coa tradicional xeira de Entroido, que este ano achegaranos ata terras ourensáns para coñecer un carnaval recuperado hai pouco tempo, na aldea de A Mezquita, concello de A Merca.
Veremos tamén a súa igrexa románica, unha das mellores deste estilo na nosa terra e a espectacular agrupación de hórreos da Merca. Completaremos a xornada coa visita do recén inaugurado Museo Galego do Entroido, en Xinzo de Limia, e pararemos tamén en Allariz.
Hora de saída: 9,00 horas dende as paradas habituais.

"Foto tomada da Edición dixital de La Región de Ourense"
 

Data da última actualización: 11/02/2017



Pezas do Museo Arqueolóxico
Detalle do colgante do colar articulado de Elviña.