Actividades 2015.
 

Data da última actualización: 17/01/2016


Próximas actividades


Os beléns de Noia e de Cespón".

  Día: 20 de Decembro. (domingo)

 Belen de Cespón (foto tomada de A Voz de Galicia)  Na tradicional xeira de peche do ciclo anual de viaxes veremos nesta ocasión dous Beléns. Comezaremos polo de Noia, que instalan no Museo Etnolóxico do Mar, un centro que tamén visitaremos pois ainda non estivemos nel. Aproveitaremos o resto da mañá para visitar a igrexa de Santa María a Nova e seu extraordinario conxunto de laudas gremiais, a de San Martiño, a ponte de Traba...; xantaremos nun restaurante da zona antes de ir pola tarde ao concello de Boiro. Na igrexa de San Vicenzo de Cespón admiraremos un dos máis grandes nacementos galegos e como remate da xornada iremos ver os castros do Neixón.
 
IMPORTANTE: Como a xeira vai en xornada electoral sairemos ás 10,00 horas, dende as paradas habituais, para ter tempo de votar.

Actividades anteriores


Lugares inéditos do Bierzo".

  Día: 7 de Novembro.


   Visitaremos o Museo Nacional da Enerxía, en Ponferrada, e faremos un percorrido pola histórica comarca de Los Barrios, un conxunto histórico que garda valiosas mostras artísticas, como a  igrexa de Santa Columba, en Villar de los Barrios ou a capela da Visitación, en Salas de los Barrios, cun espléndido retablo do século XVI.
   Procuraremos incluir tamén no noso percorrido o Museo do Carro, en Villanueva de Valdueza e o impresionante teixo de San Cristóbal de Valdueza, acaso a máis fermosa árbore da península.
 
Hora de saída: 8,00 horas dende as paradas habituais.

Oito lugares vascos".

  Días: 9 ó 12 de Outubro.

Nesta oportunidade centrarémonos na provincia de Bizkaia, facendo as tres noites no hotel Barceló Nervión, que está moi ben situado, perto do Gugghenheim e do casco vello. Os oitos lugares que, como mínimo, imos visitar son: a antiga fábrica de boinas La Encartada, en Balmaseda; a espectacular cova de Pozalagua; as antigas minas de La Arboleda, en Trápaga; o extraordinario artesonado da igrexa de Ibarrangelu; o Urdaibai Bird Center, situado no máis importante espazo natural de Euskadi; e naturalmente tres museos de Bilbao, o Guggenheim, o de Bellas Artes e o Euskal Museoa (Museo Vasco). Hora de saida. 8,00 horas dende o Obelisco (única parada).

Arte e arqueoloxía no Barbanza e na Ria de Muros".  (cambio de data e destiño)

  Día: 13 de Setembro (domingo).

Da man de Pancho Gallego visitaremos o castro de Baroña, onde nos acompañará tamén o arqueólogo que está a facer a última campaña de excavación. Veremos tamén a capela de Alba, na igrexa de Santiago do Deán, na Pobra de Caramiñal, acaso a máis fermosa obra plateresca da arte galega, cargada de simbolismo; e o impresionante Cristo gótico do Santuario da Virxe de Camiño, en Muros, obra dun artista italiano. E non faltará tampouco unha parada en Noia para admirar o máis destacado do seu patrimonio. Hora de saída: 9,00 horas dende as paradas habituais.

 

Unha sardiñada como ten que ser".  

  Día: 11 de Xullo (sábado).

Celebraremos este xantar tradicional do verán en Vimianzo, no restaurante "A Lagoa" porque non hai lugar mellor para saborear unhas sardiñas. Pola mañá visitaremos o Melga (Museo Etnolúdico de Galicia), en Ponteceso, e probablemente tamén o mosteiro de Moraime.
Despois de xantar visitaremos a exposición "O Camiño. A Orixe", na Cidade da Cultura, en Santiago, que conta con excelentes obras artísticas, como un cadro coa imaxe de Santiago Apóstolo, obra de Durero, que procede da Galería dos Ufizzi, de Florencia.
Hora de saída: 9,00 horas, dende as paradas habituais.

 

A Raia Seca".  

  Días: 20 e 21 de Xuño (sábado e domingo).

Pitões das JúniasXeira de fin de semana para visitar algúns lugares da fronteira entre España e Portugal na provincia de Ourense, como o territorio do histórico Couto Mixto, no que veremos as pinturas murais da sacristía da igrexa de Santiago de Rubiás ou a ruinosa casa do derradeiro xuiz do Couto, en Rubiás. Achegarémonos tamén a ver o antigo forno comunal de Tourém, o castelo de Montalegre, o relevo do deus Larouco que agocha a igrexa de Vilar de Perdizes, o Ecomuseo do Barroso, Boticas (onde coñeceremos a curiosa historia do "vinho dos mortos") ou o castro de Carvalhelhos. Haberá tempo tamén para unha camiñata dunhas 2 horas (ida e volta) para ver a fermosa igrexa de Pitoes das Junias. Presumiblemente durmiremos en Montalegre.

Hora de saida: 9,00 horas dende o Obelisco.

Descubrindo a Ribeira Sacra".  

  Día: 30 de Maio (sábado).

O concello de Sober garda un valioso patrimonio que paga a pena coñecer:  as pinturas murais de Proendos, a singular representación do tetramorfos da igrexa de Lobios, o souto de Tellada, o centro oleiro da rectoral de Gundivós,  a igrexa románica de Pinol... e todo iso da man dun guía local. Hora de saída: 9,00 horas dende as paradas habituais.

Pinturas de Proendos


O Románico do Vale do Douro".  

  Días: 30 de Abril - 3 de Mayo.

   Como continuación da exitosa xeira do pasado ano pasaremos catro días en Portugal para seguir ampliando o noso coñecemento do románico portugués. O día 30 de abril visitaremos a igrexa de Sao Salvador de Ganfei, moi perto de Valença do Minho, para seguir despois ata Porto, onde terá lugar o xantar, para poder ver a continuación "World of Discoveries", un novidoso parque temático sobre os navegantes portugueses. Logo desta visita iremos ata Lamego, onde durmiremos as tres noites. Os días 1 e 2 de maio visitaremos os máis importantes monumentos da zona, da man do noso guía Jose Augusto, do que temos tan boa lembranza. Así pois, entre outros lugares veremos o mosteiro de Santo André de Ancede, as igrexas de San Tiago de Valadares e Santa María Maior de Tarouquela, o Museo Municipal de Resende, a ponte da Panchorra e os mosteiros de Sao Martinho dos Mouros e de Santa María de Cárquere. O día 3 de maio visitaremos pola mañá a igrexa prerrománica de Sao Pedro de Balsemao e a ponte fortificada de Ucanha, antes de iniciar a nosa viaxe de volta. Sairemos o día 30 ás 8,00 horas dende o Obelisco.

Terra de Melide e a Ulloa".  
 

Día: 12 de Abril (domingo):

 

Ler programa


Visita a Universidade Laboral".  

  Día: 21 de Abril.

   (fora do programa anual)

O vindeiro martes coñeceremos polo miúdo un dos centros de ensino mellor equipados de Galicia. Faremos unha visita guiada na que veremos os laboratorios de química e de bioloxía e os talleres de soldadura, frío, naval e mecanizado, e de ensinanzas mariñas. Haberá que estar ás 16,30 horas no hall de entrada da Universidade Laboral, que como ben sabedes atopase en Acea da Ma, O Burgo.

 

 

 

 


Por tierras castellanas".  

  Días: 20-22 de Marzo.

   Neste xeira de longo fin de semana, dado que o día 20 é festivo en Galicia, iremos a terras de Valladolid, provincia que ofrece a posibilidade de disfrutar de novidosos recursos turísticos. Visitaremos unha adega, Protos, en Peñafiel, deseñada por Richard Rogers, onde faremos unha cata de varios viños; veremos o renovado Museo Nacional de Escultura, agora que xa permite o acceso ao fermosísimo patio do Colexio de San Gregorio; iremos ata Olmedo, para sorprendernos co novidoso Museo del Caballero de Olmedo, cunha posta en escena impactante; faremos unha visita teatralizada ao castelo de Iscar; e non faltará tampouco a visita á capela dos Benavente, en Medina de Rioseco, un dos espacios artísticos máis extraordinarios da península Ibérica; e intentaremos ver tamén as fabulosas pinturas tardo góticas da igrexa de Gordaliza del Pino, na provincia de León.
 Durmiremos dúas noites en Valladolid e haberá que sair o día 20 ás 8,00 horas dende o Obelisco.

 

 

 


Cea - Asamblea Xeral Ordinaria".  
 

Día: 31 de Xaneiro (sábado):

Leer convocatoria


O Fulión de Manzaneda".  

  Día: 17 de Febreiro (martes)

A tradicional xeira de Entroido levarános ata Manzaneda onde celebran un dos máis auténticos carnavais de Galicia. O martes celebran a partir das 11,30 horas, un pasarrúas no que escoitaremos bombos, cencerros e apeiros de labranza que vai acompañado polas mázcaras, personaxes con vistosos gorros de cores.
Xantaremos nun restaurante da zona onde non faltará o característico cocido.
Xa de regreso pararemos en Sobrado de Trives, aldea que conserva unha fermosa igrexa con algúns dos mellores canzorros do noso románico e Sequeiros, aldea de Quiroga onde está situado un dos máis antigos castelos de Galicia, o de Torre Novaes.
Hora de saida: 8,00 horas dende as paradas habituais.
 


Data da última actualización: 17/01/2016



Pezas do Museo Arqueolóxico
Detalle do colgante do colar articulado de Elviña.